Agora que andan a voltas coa conxelación do soldo dos funcionarios para o próximo ano recordo que hai un mes publicouse na prensa que só tres deputados do Parlamento de Galicia, cobraban soldos por outras actividades, e que os tres eran do Partido Popular.
Jesús Goldar Guimil, con estudos de dereito sen terminar, seguiría exercendo de xestor administrativo en Caldas onde tamén é concelleiro.
Dámaso López Rodríguez exercerá as súas labores de médico en Monforte de Lemos.
Jaime Castiñeiro Broz, arquitecto-técnico, ata esta lexislatura exercía como funcionario no Catastro de Lugo, empresario inmobiliario (taxacións de inmobles), exercía de vogal de visados no colexio de aparelladores e arquitectos técnicos de Lugo, concelleiro no concello de Lugo e deputado no Parlamento Galego. Eu pregunto, que actividade deixou e cal segue a exercer? Cantas horas tiña o día para poder realizar este señor todos estes traballos? Na anterior lexislatura xa era deputado, tiña compatibilidade para realizar todas estas actividades? Nesta lexislatura o PP encargoulle a portavocia de vivenda, algo que lle ven moi ben dado a súa experiencia no mundo do ladrillo.
Por outra banda os “xefes territoriais” (antigos delegados provinciais), Feijoo acaba de subirlles o soldo en 3.000 euros o ano. Os antigos delegado provinciais tiñan neste ano 2009 unhas retribucións brutas sen trienios de: 49.132,95 € anuais. Os novos xefes territoriais se son do grupo A terán uns ingresos brutos anuais sen trienios de: 50.012,44 euros, é dicir 879,49 euros mais cos antigos delegados provinciais.
E iso que Feijoo dicía que ía ser un goberno austero e transparente pero non vemos nin a austeridade nin a transparencia porque a día de hoxe na páxina web da Xunta non se poden ver as declaracións de patrimonio e de actividades de tódolos altos cargos da Xunta, aínda que a consellería de Facenda sacou unha norma regulándoo.
Tags: soldos, austeridade, transparencia, galicia, goberno, feijoo